quarta-feira, 31 de março de 2010

Manifesto 40 aniversario

O 11 de novembro de 2007 a Agrupación Cultural Auriense está de aniversario. O día de San Martiño do ano 1967 nacía ao abeiro da Lei de Asociacións de 1964. Corenta anos dunha historia cultural non allea aos tempos que a viron nacer e medrar. Antes de que a A.C. Auriense vise a luz, outras asociacións tiñan encetado un camiño na procura da normalización cultural e lingüística do noso País: A.C. O Galo, A.C. O Facho, Asociación Cultural de Vigo e o Clube Cultural Valle Inclán. Logo viñeron outras: Asociación Amigos da Cultura, Abrente…

Desde Nemesio Barxa Alvarez, primeiro presidente da A.C. Auriense até Norberto Tabarés Feixóo, o actual, lideraron as diferentes etapas da agrupación Xesús Ferro Couselo, Xosé Lino Vázquez Moxardín, Antón Romasanta Vilarchao, Xosé Lois González Vázquez, Millán Picouto Iglesias e Héitor Real Arregui. Sen esquecer a presidencia honorifica de D. Ramón Otero Pedrayo na primeira etapa.

Esta longa andaina tivo como percursores a un grupo de vellos galeguistas que se xuntaban no Café do Miño e a un grupo de mozos, estudantes de magisterio, os do Café Coralín: Xesús Ferro Couselo, Ramón Otero Pedrayo, Eleuterio González Salgado, Bieito Fernández Álvarez, Xaquín Lourenzo, Salvador Rey Domínguez, Antón Fernández Sánchez, Carlos Guitián, Nemesio Barxa Álvarez, Pedro Merino Gómez, Santiago Docampo Figueiral…

So o Nome dos que hai corenta anos posibilitaron o nacemento da agrupación e dos que baixo a súa presidencia lle deron continuidade, agóchase tempo e traballo de homes e mulleres que conscientes da realidade cultural do País, lle deron forma a múltiples ideas, unhas veces recollidas da memoria outras exercendo de vangarda.

A recuperación ou participación en festas ou tradicións populares (maios, magostos, entroido, noite de San Xoán…), a aneciada, reivindicada e necesaria normalización lingüística (participación nas campañas do idioma organizadas pola AN-PG, Carreiras polo idioma "360 e cinco días de letras galegas"…), creación e participación en concursos literarios ("Xornadas de narracións infantís", concurso de poesía "Ramón Cabanillas"…), exposicións, cursos de música e baile ou teatro, xornadas de cinema, concertos, teatro e guiñol.. e tantas outras expresións que ao longo destes anos habitaron nun espazo común: o do compromiso pola dignificación cultural de Galiza.

Presente na fundación da Federación de Asociacións Culturais Galegas (1982), a A.C. Auriense fixo da colaboración con outras asociacións fose un dos seus sinais de identidade, posibilitando nestas catro décadas o achegamento de distintas xeracións de mozos e mozas que desde o asociacionismo cultural descubrirán a necesidade de implicarse coa lengua, coa cultural co País.


Poetas, economistas, historiadores, pintores, músicos…pasaron pola Auriense.
O pouso que fica, fai parte xa, da memoria colectiva dun tempo.
Parabéns Auriense.
Agardamo ofrecerche frores no próximo outono.